@s 19 de Meirás exixen a Pedro Sánchez que presente “inmediatamente” a demanda civil para iniciar o proceso de devolución do Pazo de Meirás

 

  • As e os denunciados pola familia e a Fundación Franco anuncian medidas “de presión social” se o goberno do Estado “non cumpre”
  • Inician unha recollida de sinaturas “a pé de rúa e tamén a través das redes para visualizar o clamor social e o consenso existente en torno a esta cuestión” sinalan.

A simbólica sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda foi o lugar escollido na mañá de hoxe polo colectivo “19 de Meirás” para realizar unha rolda de prensa na que lanzaron a mensaxe ao goberno do Estado a través da cal exixen a Pedro Sánchez “que presente inmediatamente a demanda civil necesaria para que se poidan iniciar os trámites pertinentes para que o Pazo de Meirás poida ser devolto ao patrimonio público galego”.

As e os integrantes d@s 19 de Meiras, que están denunciadas pola familia e a Fundación Franco por unha acción simbólica e pacífica realizada en agosto do 2017 no Pazo de Meirás, sosteñen que “non é concevíbel que o goberno do Estado non teña interposto esta demanda civil aínda” sinalou Néstor Rego, voceiro do colectivo. As e os denunciados pola familia e a Fundación Franco lembran que “o goberno do Estado ten toda a información e documentación, suficiente e necesaria, ara non ter dúbidas en presentar esta demanda civil, pois o propio Parlamento galego acordou por unanimidade trasladar ao goberno do Estado esta exixencia de devolución do Pazo para o patrimonio público galego, ao igual que fixo tamén a Xunta Pro-devolución do Pazo de Meirás da Deputación da Coruña” explicou Rego.

“Mentras esta demanda civil non se presenta, os Franco campan coa impunidade ás súas anchas, non hai mais que comprobalo coa demanda que veñen de interpor contra o historiador Carlos Babío polas súas investigacións a respecto do expolio franquista. Aproveitamos para trasladar toda a nosa solidariedade con este compañeiro” expresou Néstor Rego.

Desde @s 19 de Meirás anuncian que se esta demanda civil non se presenta, “poremos en marcha medidas de presión social” explicaron e, engadiron, “para comezar poremos xa en marcha unha recollida de sinaturas, tanto na rúa como a través das redes, mediante a plataforma Change.org, para recoller e visualizar o clamor social e o consenso que existe na sociedade galega en torno á reclamación da devolución do Pazo de Meirás” sinalaron.

“É necesario e é posíbel que o Pazo pase a ser patrimonio público, só é cuestión de vontade política. Esta é unha esixencia democrática e que honraría a memoria dos milleiros de galegos e galegas que foron asasinadas polo franquismo” concluíu Néstor Rego.

Advertisements

19 de Meirás: “Reactivamos o debate social sobre a necesidade de recuperar o pazo para o pobo galego e rematar cos restos da ditadura franquista”

Esixen ás forzas políticas estatais e ao goberno do Estado que “que se realmente se din defensores da democracia non dilaten máis esta cuestión e de inmediato presenten a demanda civil para que o Pazo de Meirás pase ao patrimonio público galego”.

14 d@s “19 de Meirás” declararon na mañá de hoxe perante a xuíza que instrúe o caso. Ás portas do xulgado congregáronse centos de persoas nunha concentración convocada en apoio ás persoas denunciadas pola Fundación Francisco Franco e a familia do ditador Francisco Franco. Seguir lendo “19 de Meirás: “Reactivamos o debate social sobre a necesidade de recuperar o pazo para o pobo galego e rematar cos restos da ditadura franquista””

A Fundación Franco denuncia 19 militantes nacionalistas, sindicalistas e activistas por reclamar a devolución do Pazo de Meirás

  • A condena que reclama a Fundación, Carmen Franco e Cristobal Martínez-Bordiu suma un total de 247 anos de prisión pola toma simbólica do pazo o pasado 30 de agosto de 2017

A Fundación Francisco Franco, a finada Carmen Franco e o neto do ditador José Cristóbal Martinez-Bordiu Franco presentaron unha denuncia contra un grupo de 19 militantes nacionalistas, sindicalistas e activistas sociais, culturais e da memoria histórica por reclamar a devolución do Pazo de Meirás a través dun acto de toma simbólica o 30 de agosto de 2017, acto que tivo unha gran repercusión mediática mesmo a nivel internacional. Seguir lendo “A Fundación Franco denuncia 19 militantes nacionalistas, sindicalistas e activistas por reclamar a devolución do Pazo de Meirás”