As e os 19 de Meirás reclaman que sexa definitivamente arquivada a denuncia dos Franco e da Fundación Francisco Franco contra as e os 19 activistas denunciados

Néstor Rego expresou a “satisfacción ante a vitoria social que supón que, por fin, a familia do ditador teña que devolver este ben roubado pola ditadura franquista, que agora debe pasar a mans do pobo galego”

As e os activistas denunciados compareceron ante o Pazo de Meirás na data en que a familia Franco, obrigada por sentenza xudicial, tivo que facer entrega das chaves do Pazo

O grupo de persoas denunciadas pola familia Franco e a Fundación Francisco Franco pola acción simbólica e pacífica realizada en agosto do 2017 no Pazo de Meirás, coñecidas como 19 de Meirás, compareceron en rolda de prensa esta mañá ante o Pazo, no día en que, obrigados por sentenza xudicial, os Franco entregaron ao Estado as chaves deste ben espoliado pola ditadura franquista.

Néstor Rego, integrante d@s 19 de Meirás e Deputado no Congreso, expresou a “satisfacción ante a vitoria social que supón que, por fin, a familia do ditador teña que devolver este ben roubado pola ditadura franquista ao pobo galego” sinalou. Rego fixo fincapé en que “foi posíbel chegar até aquí froito da presión e da loita incansábel durante moitos anos de colectivos e activistas da memoria histórica” e lembrou que “agora o Pazo de Meirás debe ser transferido polo Estado ao patrimonio público galego” explicou.

En nome das e dos 19 de Meirás, Rego expresou o “orgullo por termos contribuído, coa acción realizada o 30 de agosto do 2017 ocupando simbólica e pacificamente o Pazo, a centrar o foco mediático e político nesta cuestión, e que hoxe poidamos presenciar como se inicia a fin dos privilexios herdados dunha cruenta ditadura que espoliou innúmero patrimonio e só deixou un regueiro de morte e terror na Galiza” explicou.

Reclaman o arquivo da denuncia que pesa sobre as 19 persoas encausadas

Desde as e os 19 de Meirás lembran que sobre eles pesa aínda a denuncia dos Franco, con peticións de penas de ate 13 anos de cadea por cada activista, e até medio millón de multa “simplemente por reclamar que o Pazo é do pobo galego e denunciar o espolio franquista na Galiza” explicou Rego.
“A sentenza que hoxe se está a executar deixa claro que o Pazo foi roubado ás galegas e galegos, tal e como as e os 19 de Meirás reivindicamos a través da acción realizada en agosto no 2017” sinalou Rego. “A denuncia dos Franco contra as 19 activistas encausadas non ten sentido ningún, é o mundo ao revés, por iso reclamamos que sexa arquivada dunha vez” concluíu Rego.

Autor: 19 de Meirás

Web de apoio ás 19 persoas imputadas por denunciar o Franquismo en Meirás.