A causa d@s 19 de Meirás pasa a ser xulgada polo Tribunal Supremo

Esta circunstancia prodúcese ao ser un dos denunciados, Néstor Rego, actualmente deputado no Congreso

19 de Meirás: “Estamos orgullosas e orgullosos do que fixemos, e, aínda considerando que este proceso xudicial é un sen sentido, estamos dispostas e dispostos a enfrontalo”

@s 19 de Meirás, as 19 galegas e galegos denunciados pola Fundación Francisco Franco e a familia Franco por unha acción simbólica e pacífica realizada en agosto do 2017 no Pazo de Meirás, informaron hoxe de que veñen de coñecer o auto do Xulgado de Instrución Nº2 de Betanzos.

Neste auto, este Xulgado acorda a inhibición da causa d@s 19 de Meirás a favor do Tribunal Supremo, tendo en conta a actual situación dun dos denunciados, Néstor Rego, actualmente deputado no Congreso. Desde @s 19 de Meirás, informan de que o Xulgado de Betanzos alega a indivisibilidade da causa e das acusacións, dado que a denuncia formulada pola Fundación e a familia Franco non distingue entre denunciad@s, atribuíndo a todas e todos, conxuntamente, a realización dos presuntos delitos imputados nesta denuncia.

Desde @s 19 de Meirás, lembran que a denuncia presentada pola Fundación Francisco Franco e a familia do ditador “tenta criminalizar o exercicio ao dereito democrático á liberdade de expresión, un feito que consideramos en si grave e inadmisíbel” indican.

Desde @s 19 de Meirás lembran que a denuncia presentada versa sobre os presuntos delitos de  odio, danos, vulneración de morada, e contra o honor. “Os herdeiros dun ditador que co seu réxime trouxo ao noso País o terror de máis de 40 anos dunha cruel e asasina ditadura, están agora pedindo até 13 anos de prisión para quen defende a democracia e a memoria histórica” sinalan desde @s 19 de Meirás.

“A acción que realizamos @s 19 de Meirás o 30 de agosto do 2017 tivo un carácter simbólico e pacífico, e cumpriu co obxectivo para o que fora plantexada: reactivar o debate social e  político sobre a necesidade de facer xustiza coa recuperación do Pazo de Meirás para o pobo galego, introducilo na axenda política galega e obrigar ás institucións pública a se manifestar ao respecto” explican desde @s 19 de Meirás. “Estamos orgullosas e orgullosos do que fixemos, e, aínda considerando que este proceso xudicial é un sen sentido, estamos dispostas e dispostos a enfrontalo” conclúen desde @s 19 de Meirás.

Autor: 19 de Meirás

Web de apoio ás 19 persoas imputadas por denunciar o Franquismo en Meirás.