@s 19 de Meirás esixen “celeridade” e “presión e contundencia” ao goberno español para que o Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as estatuas do Pórtico da Gloria sexan devoltas

Congratúlanse da exhumación de Franco mais lembran que “na Galiza queda moito por exhumar dos restos do franquismo”

Lembran que o 5 de novembro terá lugar o xuízo contra 9 persoas por reclamar a devolución da Casa Cornide e que @s 19 de Meirás seguen pendentes á espera de xuízo

O voceiro d@s “19 de Meirás”, Néstor Rego, referiuse esta mañá á exhumación dos restos do ditador Franco do Val dos Caídos. “Congratulámonos de que este feito por fin se vaia producir, aínda que sexa con 40 anos de atraso” sinalou Rego.

Neste sentido, desde @s 19 de Meirás, o grupo de persoas denunciadas pola Familia Franco e a Fundación Francisco Franco por reclamar en agosto do 2017 que o Pazo de Meirás debe ser devolto ao pobo galego, lembran que na Galiza segue habendo “moito por exhumar dos restos do franquismo” explicou metaforicamente Néstor Rego.

“É unha urxente esixencia democrática a devolución ao pobo galego de todos os bens espoliados pola ditadura franquista na nosa nación, entre eles o Pazo de Meirás, a Casa Cornide ou as estatuas de Abraham e Isaac, pertencentes ao conxunto escultórico do Pórtico da Gloria” subliñou Rego que, lembrou, “o 5 de novembro está previsto o xuízo contra 9 persoas denunciadas pola familia Franco por reclamar a devolución da Casa Cornide, mentres que @s “19 de Meirás” seguimos pendentes e á espera de xuízo” explicou.

Desde @s “19 de Meirás” reclaman do goberno español “celeridade” no que atinxe á devolución da Casa Cornide e das estatuas de Abraham e Isaac, así como “presión e contundencia para que a demanda de devolución do Pazo de Meirás sexa resolta e este ben sexa transferido ao patrimonio público galego á maior brevidade” sinalaron.

“É urxente rematar con todos os privilexios herdados do franquismo, e para isto non chega con sacar a Franco do Val dos Caídos, hai que eliminar todos os redutos da ditadura franquista de todos os eidos e institucións nos que aínda perduran a día de hoxe” sentenciou o voceiro d@s “19 de Meirás”.

Autor: 19 de Meirás

Web de apoio ás 19 persoas imputadas por denunciar o Franquismo en Meirás.