19 de Meirás: “Reactivamos o debate social sobre a necesidade de recuperar o pazo para o pobo galego e rematar cos restos da ditadura franquista”

Esixen ás forzas políticas estatais e ao goberno do Estado que “que se realmente se din defensores da democracia non dilaten máis esta cuestión e de inmediato presenten a demanda civil para que o Pazo de Meirás pase ao patrimonio público galego”.

14 d@s “19 de Meirás” declararon na mañá de hoxe perante a xuíza que instrúe o caso. Ás portas do xulgado congregáronse centos de persoas nunha concentración convocada en apoio ás persoas denunciadas pola Fundación Francisco Franco e a familia do ditador Francisco Franco.

Néstor Rego, voceiro do colectivo “19 de Meirás” que agrupa ás persoas denunciadas, reiterou o “carácter simbólico e pacífico dunha acción que un grupo de activistas realizamos o pasado 30 de agosto do 2017 e pola cal fomos denunciados pola Fundación Francisco franco e a filla e netos do ditador” explicou. “Con esta acción queríamos reactivar o debate social e político sobre a recuperación do Pazo, metelo na axenda política galega e obrigar ás institucións públicas a se manifestar ao respecto. Se hoxe se fala tanto de Meirás, da Casa Cornide, das estatuas de Abraham e Isaac é grazas a accións como está, o que demostra a súa utilidade e necesidade” indicou Rego.

Concentración BetanzosEn relación coa denuncia presentada pola Fundación Francisco Franco e a familia do ditador Rego sinalou que “están a tentar criminalizar o exercicio ao dereito democrático á liberdade de expresión, un feito que consideramos en si grave e inadmisíbel” indican. Rego precisou que “En pleno 2018 os herdeiros dun ditador que co seu réxime trouxo ao noso País o terror de máis de 40 anos dunha cruel e asasina ditadura, están agora pedindo até 13 anos de prisión para quen defende a democracia e a memoria histórica”. É o mundo ao revés!” expresou.

Desde os 19 de Meirás insisten en que “é unha esixencia democrática rematar cos privilexios herdados do franquismo. Non só hai que sacar a Franco do Val dos Caídos senón que hai que eliminar os restos do franquismo de todos os ámbitos nos que aínda perduran” explicou o seu voceiro. Desde este colectivo sinalan que “é necesario e é posíbel que o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio público, só é cuestión de vontade política” polo que reclaman “a todas as forzas políticas estatais, e especialmente ao PSOE xa que está á fronte do goberno do Estado, que se realmente se din defensores da democracia non dilaten máis esta cuestión e de inmediato presenten a demanda civil para que o Pazo de Meirás pase ao patrimonio público galego” indicou Rego. “Esta é unha esixencia democrática e que honraría a memoria dos milleiros de galegos e galegas que foron asasinadas polo franquismo” concluíron.

Advertisements

Autor: 19 de Meirás

Web de apoio ás 19 persoas imputadas por denunciar o Franquismo en Meirás.