19 de Meirás: “Sentímonos orgullosas e orgullosos do que fixemos”

19 de Meirás: “non hai só que sacar os restos de Franco do Val dos Caídos, senón que hai que sacar os restos do franquismo de todos os ámbitos nos que aínda perduran, como acontece co caso do Pazo de Meirás”

19 de Meirás: “É o mundo ao revés. En pleno 2018 o franquismo pedindo até 13 anos de prisión para quen defende a democracia e a restitución da memoria histórica”

Na mañá de hoxe cinco das 19 persoas denunciadas pola familia Franco e a Fundación Nacional Francisco Franco, máis coñecidas como “19 de Meirás”, declararon ante a xuíza que instrúe o caso. Ás portas do xulgado congregáronse centos de persoas nunha concentración convocada en apoio ás persoas denunciadas.

IMG_6425

O voceiro d@s 19 de Meirás, Néstor Rego, explicou que “hai un ano, un grupo de galegos e galegas, demócratas, militantes nacionalistas, sindicalistas, activistas sociais, culturais e da memoria, realizamos unha acción pacífica e simbólica, que consistiu en despregar dúas faixas da fachada principal do Pazo de Meirás. O obxectivo desta acción simbólica e pacífica foi reactivar o debate social e político sobre a recuperación do Pazo, metelo na axenda política galega e obrigar ás institucións públicas a se manifestar ao respecto. Se hoxe se fala tanto de Meirás, da Casa Cornide, das estatuas de Abraham e Isaac é grazas a accións como está, o que demostra a súa utilidade e necesidade” indicou.

IMG_6437No que atinxe á denuncia formulada pola familia Franco, desde @s “19 de Meirás” sinalan que “é unha barbaridade do punto de vista tanto político canto xurídico. Mais unha vez, estase a tentar criminalizar o exercicio do dereito democrático á liberdade de expresión, un feito que consideramos en si grave e inadmisíbel” indican. Rego precisou que “é o mundo ao revés. En pleno 2018 o franquismo está pedindo até 13 anos de prisión para quen defende a democracia e a memoria histórica”.

Néstor Rego sinalou que “a demanda de que o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio do pobo galego é algo compartido maioritariamente pola sociedade galega” dixo, e, engadiu, “non hai só que sacar os restos de Franco do Val dos Caídos, senón que hai que sacar os restos do franquismo de todos os ámbitos nos que aínda perduran, como acontece co caso do Pazo de Meirás. É necesario e é posíbel que o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio público, só é cuestión de vontade política” concluíu.

Advertisements

Autor: 19 de Meirás

Web de apoio ás 19 persoas imputadas por denunciar o Franquismo en Meirás.