Posponse o xuízo por pendurar na Casa de Cornide unha faixa co lema “Que nos devolvan o roubado, Franquismo Nunca Máis”

A data inicial da comparecencia coincidía co 18 de xullo, aniversario do alzamento militar de 1936

O xuízo contra as nove persoas nacionalistas que o pasado 26 de setembro de 2017 ocuparon de xeito simbólico a Casa Cornide da Coruña, que se ía producir o mércores 18 de xullo, data coincidente co aniversario do alzamento franquista, quedou suspendido sine die. O acto consistira no despregamento dunha faixa desde o balcón coa lenda “Que nos devolvan o roubado, Franquismo Nunca Máis”.

Como novidade, na notificación recibida inclúense personados na causa aberta os herdeiros do ditador Jaime Felipe, María del Carmen, María de la O, María del Mar, María Aránzasu e José Cristóbal Franco Martínez-Bordiú, que se suman deste xeito á denuncia por coaccións presentada inicialmente polo neto do ditador Francisco Franco Martínez- Bordiú.

Este grupo de activistas, que participou naquela acción simbólica para visibilizar que os herdeiros da ditadura seguen a posuír os bens roubados ao pobo galego, recibiu apoio de colectivos que traballan pola recuperación da memoria histórica e de diversas formacións políticas.

Co lanzamento dun manifesto de apoio xa conseguiu máis de 2.200 apoios.

Advertisements

Autor: 19 de Meirás

Web de apoio ás 19 persoas imputadas por denunciar o Franquismo en Meirás.