Os Franco denuncian e tentan criminalizar ao grupo de activistas que reclamou a devolución do Casa Cornide da Coruña

Está prevista a celebración dun xuízo o 18 de xullo, aniversario do golpe de estado fascista encabezado polo Ditador

O pasado 26 de setembro un grupo de activistas vinculados á loita pola recuperación da memoria histórica realizaron un acto simbólico dende os balcóns do Casa Cornide da Coruña. O palacete, unha edificación barroca do século XVIII é unha das construcións civís máis sobresaíntes do casco histórico coruñés, que preside dende unha posición privilexiada a denominada “Cidade Alta”.

O caserón, vinculado na súa orixe á figura do ilustrado Xosé Cornide, de quen toma o nome, tivo un papel fundamental no devir da cidade, chegando a ser no seu día sede do concello coruñés. Logo dunha serie de vicisitudes, por iniciativa dos coruñeses máis afíns ao réxime franquista e logo dunha petición expresa de Carmen Polo, foi “agasallado” a través dun procedemento fraudulento a comezos dos anos 60 do pasado século, ao xenocida Francisco Franco, para uso e desfrute del e da súa familia durante décadas.

A acción, que tivo un carácter público e foi totalmente pacífica e simbólica, consistiu no despregamento dunha faixa co lema “Que nos devolvan o roubado” na fachada do caserón, non violentando en ningún momento porta ou cerrollo algún, evitando en todo momento adentrarse nas dependencias privadas da construción.

Casa Cornide
Acto reivindicativo na Casa de Cornide (26 setembro 2017)

Entre as persoas procesadas atópase xente vinculada ao traballo sindical, o asociacionismo xuvenil, o movemento nacionalista, o activismo ecoloxista, o mundo da política ou a loita estudantil. Un grupo unido, segundo explicou a súa voceira Carolina Fernández, en torno a idea de “que vivimos tempos duros para a Democracia, onde nos estamos procesados mentres o Boletín Oficial do Estado ven de lle conceder o Ducado de Franco á neta do ditador. Estamos diante dunha situación lacerante para as vítimas do franquismo, aínda non restituídas na súa dignidade individual e colectiva, ao tempo que segue vixente unha lexislación (en alusión á Lei Mordaza), que coarta dereitos e liberdades públicas como o dereito á libre expresión, opinión e manifestación”.

Quixo destacar a portavoz do colectivo que “resulta especialmente insultante que, precisamente sexa nunha data tan terríbel e por desgraza emblemática como o 18 de xullo cando teñamos que ir ao Xulgado de Instrución Número 4 da Coruña para ser procesados por iniciativa da familia do xenocida. Familia que se nega a restituír ao pobo galego os bens patrimoniais que foron espoliados nun réxime de terror, tortura e opresión, mentres son nomeados Grandes de España en pleno 2018”.

Carolina Fernández incidiu en que “vivimos unha situación única en Europa, onde a situación e a actitude do estado español é unha auténtica anomalía histórica. Por iso a nosa loita só finalizará cando o patrimonio espoliado sexa rescatado para o conxunto do pobo galego”. En nome do colectivo encausado, Fernández rematou solicitando “o apoio de todas as persoas, colectivos e institucións que, coma nós, consideran esta acusación inxusta e inadmisíbel. Non xa como mostra de solidariedade con nós, se non como un acto necesario en defensa da Democracia. Non é normal que na Galiza de 2018 haxa que continuar a ser anti-franquista”.

Relación de denunciad@s:
* Armando Carril.
* Elvira Blanco.
* Carolina Fernández.
* Andrés López.
* Salvador González.
* Bieito Lobeira.
* Manuel Méndez.
* Óscar Calvo.
* Daniel Carballada.

Advertisements

Autor: 19 de Meirás

Web de apoio ás 19 persoas imputadas por denunciar o Franquismo en Meirás.