A Fundación Franco denuncia 19 militantes nacionalistas, sindicalistas e activistas por reclamar a devolución do Pazo de Meirás

  • A condena que reclama a Fundación, Carmen Franco e Cristobal Martínez-Bordiu suma un total de 247 anos de prisión pola toma simbólica do pazo o pasado 30 de agosto de 2017

A Fundación Francisco Franco, a finada Carmen Franco e o neto do ditador José Cristóbal Martinez-Bordiu Franco presentaron unha denuncia contra un grupo de 19 militantes nacionalistas, sindicalistas e activistas sociais, culturais e da memoria histórica por reclamar a devolución do Pazo de Meirás a través dun acto de toma simbólica o 30 de agosto de 2017, acto que tivo unha gran repercusión mediática mesmo a nivel internacional.


As persoas afectadas por esta denuncia, presentada ante o Xulgado de Betanzos, compareceron hoxe en rolda de prensa para dar lectura a un comunicado, no que explican que son acusados dos delitos de violación de morada, delito contra o honor con publicidade, delito por danos e delito por odio. En total, explican, os delitos dos que son acusados “por unha Fundación que realiza apoloxía do fascismo, pola filla e polo neto do ditador suman como mínimo un total de 247 anos de prisión e medio millón de euros de multa”.

O grupo de persoas denunciadas recalca que a acción de toma do pazo foi simbólica e que se levou a cabo nun día previsto como visita, “polo que dificilmente poderá considerarse violación de morada entrar nun edificio aberto ao público, ademais de que non houbo ningún tipo de violencia como quedou constatado polos medios de comunicación presentes”.

dav
19 de Meirás

“Foi unha acción pacífica e simbólica”, recalcan, “que durou aproximadamente dúas horas e todas as persoas que participamos nela abandonamos o edificio e o recinto do pazo en presenza de axentes da Garda Civil da mesa maneira pacífica, sen ningún tipo de incidente nin de dano ao patrimonio”.

Igualmente, desmenten calquera tipo de dano durante o acto reivindicativo, no que se limitaron a despregar unha faixa no exterior do edificio e outra na torre do Pazo de Meirás, e consideran “como mínimo irónico que unha Fundación que fai apoloxía do fascismo e da ditadura acuse a persoas demócratas dun delito de odio e de atentado ao honor”.

Por tanto, entenden “que as acusacións carecen de fundamento” e esperan que a acción realizada sexa considerada como o que realmente foi: “Un acto pacífico e democrático para expresar e defender unha posición que sabemos compartida por todas as persoas demócratas deste país, que debe ser entendido dentro do exercicio democrático da liberdade de expresión”.

A toma figurada do Pazo de Meirás tiña como obxectivo reivindicar a devolución á sociedade galega do patrimonio espoliado polo Franquismo que, corenta anos despois da morte do ditador, segue en mans dos herdeiros de Franco. En concreto, reclamaban a devolución do Pazo de Meirás así como da Casa de Cornide e das estatuas de Abrahan e Isaac do Pórtico da Gloria, reclamación maioritariamente compartida polo pobo galego.

Ofensa lacerante ás vítimas
“Neses días foron moitas as persoas e colectivos que se dirixiron a nós para nos apoiar e nos felicitar por unha acción que viron con simpatía e entenderon oportuna e necesaria”, salientan. Por contra, consideran “unha barbaridade política que os bens espoliados polo ditador continúen nas mans da súa familia e non tivesen pasado ao patrimonio público no final da ditadura”.

Pero consideran “que é máis lacerante para as vítimas do franquismo, aínda non restituídas na súa dignidade individual e colectiva polo Estado, porque hai que lembrar que estamos a falar dun golpe de estado que provocou millares de mortos na Galiza, unha ditadura brutal que cerceou a liberdade e os dereitos no Estado español durante 40 anos”.

“Rescatar o Pazo de Meirás, a Casa de Cornide e as estatuas do Pórtico da Gloria é unha incontornábel exixencia democrática e unha maneira de facer xustiza ás vítimas directas do espolio e á totalidade de vítimas do franquismo. É tamén unha forma de restituír a memoria democrática e a dignidade colectiva”, declaran as persoas denunciadas, quen expresan “o seu orgullo” por esta acción que contribuíu a reactivar a demanda da devolución dos bens roubados.

Orgullo e compromiso democrático
Igualmente, resaltan o seu compromiso “cunha loita que continúa sendo xusta e necesaria e que só finalizará cando todo o patrimonio espoliado sexa rescatado para o conxunto do pobo galego, de tal xeito que os slogans que ese día despregamos, -O pazo é do pobo galego, Que nos devolvan o roubado, ou Franquismo, Nunca Máis-, seguen tendo plena vixencia”. Finalmente, aproveitaron a comparecencia “para solicitar o apoio de todas as persoas, colectivos e institucións que, como nós, achen esta acusación inxusta e inadmisíbel. E non xa como mostra de solidariedade ás 19 persoas acusadas, senón como un acto necesario en defensa da democracia”.

As 19 persoas denunciadas son as seguintes: Mario Maceiras, Manuel da Cal, Suso Seixo, Óscar Calvo, Armando Carril, Alberte Ansede, Manuel Polo, Marta da Costa, Alfredo López, Silvia Seixas, Álvaro García, Xosé Manuel Magariños, Néstor Rego, Rubén Cela, Anxo Louzao, Ramiro Oubiña, Bieito Lobeira, Lucía López e Alberte Fernández.

Autor: 19 de Meirás

Web de apoio ás 19 persoas imputadas por denunciar o Franquismo en Meirás.