19 de Meirás. Solidariedade [GL]

Galego | Catálá | Castellano | English | Euskera | Français | Italiano | Português | APOIOS RECIBIDOS

Defender a democracia, a liberdade, a xustiza e a dignidade colectiva non é apenas un dereito, senón unha obriga. Iso é o que fixeron no pasado 30 de agosto de 2017 un grupo de persoas, galegas e galegos demócratas, militantes nacionalistas, sindicalistas, activistas sociais, culturais, da memoria… nunha acción pacífica e simbólica, consistente en despregar dúas faixas no pazo de Meirás, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para que o patrimonio usurpado após o golpe de estado fascista polo ditador Francisco Franco sexa recuperado para o pobo galego.

Como consecuencia desa acción 19 persoas foron denunciadas pola Fundación Nacional Francisco Franco, Carmen Franco Polo e José Cristóbal Martínez-Bordiu Franco, neto do ditador. Os delitos de que son acusados implican penas que suman, no mínimo, 3 anos e 6 meses e poderían chegar até os 13 anos de prisión para cada unha das persoas denunciadas, para alén de multa nunha cantidade indeterminada. Estamos a falar de que, para todas elas, poderían sumar até 247 anos de prisión e por volta de medio millón de euros de multa.

Achamos que unha actuación como esta é unha verdadeira barbaridade do punto de vista tanto político canto xurídico. Mais unha vez, estase a tentar criminalizar o exercicio do dereito democrático á liberdade de expresión, un feito que consideramos en si grave e inadmisíbel. Mais, vese aínda acentuada a gravidade porque quen o fai é a familia do ditador, que se aproveita e beneficia do botín de guerra, e unha fundación que, polos seus obxectivos de realizar apoloxía do fascismo e da ditadura, non debería existir e menos aínda ser receptora de subvencións públicas do Estado.

Partillamos cos e coas activistas denunciadas a demanda de que todos os bens espoliados por Franco na Galiza (o Pazo de Meirás, mais tamén a Casa de Cornide e as estatuas de Abraham e Isaac do Pórtico da Gloria) sexan devoltas ao pobo galego. Entendemos que é unha incontornábel exixencia democrática e unha maneira de facer xustiza ás vítimas directas do espolio e á totalidade de vítimas do franquismo. É, por tanto, tamén unha magnífica forma de restituír a memoria democrática e a dignidade colectiva do pobo galego.

Expresamos, por tanto, a plena solidariedade coas 19 persoas denunciadas e rexeitamos a penalización do exercicio de dereitos democráticos. Nese sentido, e para mellor garantilo tamén neste caso, sumámonos á exixencia que o colectivo denunciado expresou publicamente de derrogación de toda a lexislación represiva do estado español que limita as liberdades individuais e colectivas, e a restitución plena de dereitos para todas as persoas inxustamente represaliadas. É un imperativo básico de dignidade e de democracia.

Persoas promotoras do manifesto e apoios internacionais.

Advertisements