Featured

Lanzado o manifesto en apoio ás 19 de Meirás

Diversas persoas de relevancia do mundo da cultura e da política galega e internacional lanzan un manifesto en apoio ás 19 persoas imputadas por denunciar o Franquismo en Meirás.

Gustaríanos contar co teu apoio. Podes ler e asinar o manifesto nas seguintes ligazóns: Seguir lendo “Lanzado o manifesto en apoio ás 19 de Meirás”

Advertisements

19 de Meirás: “Reactivamos o debate social sobre a necesidade de recuperar o pazo para o pobo galego e rematar cos restos da ditadura franquista”

Esixen ás forzas políticas estatais e ao goberno do Estado que “que se realmente se din defensores da democracia non dilaten máis esta cuestión e de inmediato presenten a demanda civil para que o Pazo de Meirás pase ao patrimonio público galego”.

14 d@s “19 de Meirás” declararon na mañá de hoxe perante a xuíza que instrúe o caso. Ás portas do xulgado congregáronse centos de persoas nunha concentración convocada en apoio ás persoas denunciadas pola Fundación Francisco Franco e a familia do ditador Francisco Franco. Seguir lendo “19 de Meirás: “Reactivamos o debate social sobre a necesidade de recuperar o pazo para o pobo galego e rematar cos restos da ditadura franquista””

19 de Meirás: “Sentímonos orgullosas e orgullosos do que fixemos”

19 de Meirás: “non hai só que sacar os restos de Franco do Val dos Caídos, senón que hai que sacar os restos do franquismo de todos os ámbitos nos que aínda perduran, como acontece co caso do Pazo de Meirás”

19 de Meirás: “É o mundo ao revés. En pleno 2018 o franquismo pedindo até 13 anos de prisión para quen defende a democracia e a restitución da memoria histórica”

Na mañá de hoxe cinco das 19 persoas denunciadas pola familia Franco e a Fundación Nacional Francisco Franco, máis coñecidas como “19 de Meirás”, declararon ante a xuíza que instrúe o caso. Ás portas do xulgado congregáronse centos de persoas nunha concentración convocada en apoio ás persoas denunciadas. Seguir lendo “19 de Meirás: “Sentímonos orgullosas e orgullosos do que fixemos””

Apoia ás 19 de Meirás

Concentración apoio 19 de Meirás Betanzos.svgEste venres 28 de setembro ás 19 de Meirás terán que declarar no xulgado de Betanzos logo da denuncia presentada pola familia Franco, en resposta á ocupación simbólica que estas activistas realizaron o 30 de agosto de 2017.

Desde esta web de apoio ás 19 de Meirás facemos un chamamento a todo o pobo galego para que se sume á concentración de apoio que terá lugar o 28 de setembro, ás 10h. diante do xulgado de Betanzos (Praza Irmáns García Naveira).

A súa loita contra o Franquismo e pola recuperación do Pazo de Meirás é unha loita colectiva, é de todas e todos.

Recorda que segue aberto o formulario de adhesións.  Se non o fixeches, asina, apoia ás 19 de Meirás.

 

As “19 de Meirás” voltan ao Pazo para seguir a exixir que sexa devolto ao pobo galego

“Un ano despois seguimos a defender que esta é unha exixencia democrática e unha maneira de facer xustiza ás vítimas directas do espolio e á totalidade de vítimas do franquismo” indicaron

O colectivo “19 de Meirás” agrupa ás persoas que foron denunciadas pola familia Franco e a Fundación Francisco Franco após a acción simbólica e pacífica realizada

O colectivo “19 de Meirás” realizou esta mañá unha rolda de prensa fronte ao Pazo de Meirás coincidindo co aniversario da acción simbólica e pacífica acontecida hai un ano nese mesmo emprazamento.

Na mesma, tal e como explicou o voceiro d@s 19 de Meirás, Anxo Louzao, “hai hoxe un ano, un grupo de galegos e galegas, demócratas, militantes nacionalistas, sindicalistas, activistas sociais, culturais e da memoria, decidimos realizar unha acción pacífica e simbólica, que consistiu en despregar dúas faixas da fachada principal do Pazo de Meirás que temos ás nosas costas. Deste xeito reclamábamos a intervención dos poderes públicos para que o patrimonio usurpado após o golpe de estado fascista polo ditador Francisco Franco fora recuperado para o pobo galego” indicou.

Como consecuencia desta acción un total de 19 persoas, @s “19 de Meirás” foron denunciadas pola familia Franco e a Fundación Francisco Franco, e serán chamadas a declarar en sede xudicial no vindeiro mes de setembro. Louzao expresou que “un ano despois queremos manifestar que nos reafirmamos nesta acción simbólica e pacífica que xa conseguiu un dos seus obxectivos: reactivar o debate social e político sobre a recuperación do Pazo, metelo na axenda política galega e obrigar ás institucións públicas a se manifestar ao respecto. Se hoxe se fala tanto de Meirás, da Casa Cornide, das estatuas de Abraham e Isaac é grazas a accións como está, o que demostra a súa utilidade e necesidade” indicou.

“Porén, o obxectivo fundamental non está aínda cumprido: a devolución ao pobo galego do Pazo de Meirás. Non pararemos até conseguilo. É necesario e é posíbel, porque é exclusivamente, unha cuestión de vontade política. Se hai vontade política de facelo, pódese facer. Non só no “Valle dos caídos” (que tamén) senón para devolverlle ao pobo galego o patrimonio que lle foi expoliado por unha atroz ditadura” sinalan desde o colectivo 19 de Meirás.

No que atinxe á denuncia formulada pola familia Franco, desde o colectivo sinalan que “é unha barbaridade do punto de vista tanto político canto xurídico. Mais unha vez, estase a tentar criminalizar o exercicio do dereito democrático á liberdade de expresión, un feito que consideramos en si grave e inadmisíbel. Mais, vese aínda acentuada a gravidade porque quen o fai é a familia do ditador, que se aproveita e beneficia do botín de guerra, e unha fundación que, polos seus obxectivos de realizar apoloxía do fascismo e da ditadura, non debería existir e menos aínda ser receptora de subvencións públicas do Estado” indican.

“Para nós, e para a maioría de galegos e galegas, defender a democracia, a liberdade, a xustiza e a dignidade colectiva non é apenas un dereito, senón unha obriga. Trátase dunha exixencia democrática e unha maneira de facer xustiza ás vítimas directas do espolio e á totalidade de vítimas do franquismo” concluíron.

*Achéganse fotografías da rolda de prensa realizada.

**Teléfono de contacto: Anxo Louzao 637-303-241

Posponse o xuízo por pendurar na Casa de Cornide unha faixa co lema “Que nos devolvan o roubado, Franquismo Nunca Máis”

A data inicial da comparecencia coincidía co 18 de xullo, aniversario do alzamento militar de 1936

O xuízo contra as nove persoas nacionalistas que o pasado 26 de setembro de 2017 ocuparon de xeito simbólico a Casa Cornide da Coruña, que se ía producir o mércores 18 de xullo, data coincidente co aniversario do alzamento franquista, quedou suspendido sine die. O acto consistira no despregamento dunha faixa desde o balcón coa lenda “Que nos devolvan o roubado, Franquismo Nunca Máis”.

Como novidade, na notificación recibida inclúense personados na causa aberta os herdeiros do ditador Jaime Felipe, María del Carmen, María de la O, María del Mar, María Aránzasu e José Cristóbal Franco Martínez-Bordiú, que se suman deste xeito á denuncia por coaccións presentada inicialmente polo neto do ditador Francisco Franco Martínez- Bordiú.

Este grupo de activistas, que participou naquela acción simbólica para visibilizar que os herdeiros da ditadura seguen a posuír os bens roubados ao pobo galego, recibiu apoio de colectivos que traballan pola recuperación da memoria histórica e de diversas formacións políticas.

Co lanzamento dun manifesto de apoio xa conseguiu máis de 2.200 apoios.

21 eurodeputad@s e deputad@s de 13 países solidarízanse cos 19 de Meirás

O Manifesto de apoio ás 19 persoas denunciadas pola familia e a Fundación Francisco Franco continúa recibindo apoios nacionais e internacionais. Entre eles están representantes no Parlamento Europeo de trece países e dezanove formacións políticas diferentes. Seguir lendo “21 eurodeputad@s e deputad@s de 13 países solidarízanse cos 19 de Meirás”

Os Franco denuncian e tentan criminalizar ao grupo de activistas que reclamou a devolución do Casa Cornide da Coruña

Está prevista a celebración dun xuízo o 18 de xullo, aniversario do golpe de estado fascista encabezado polo Ditador

O pasado 26 de setembro un grupo de activistas vinculados á loita pola recuperación da memoria histórica realizaron un acto simbólico dende os balcóns do Casa Cornide da Coruña. O palacete, unha edificación barroca do século XVIII é unha das construcións civís máis sobresaíntes do casco histórico coruñés, que preside dende unha posición privilexiada a denominada “Cidade Alta”. Seguir lendo “Os Franco denuncian e tentan criminalizar ao grupo de activistas que reclamou a devolución do Casa Cornide da Coruña”

Pola ilegalización da Fundación Francisco Franco

petición changeA existencia dunha fundación que realiza apoloxía do fascismo e da ditadura, como a Fundación Francisco Franco, é unha anomalía nun Estado que se diga democrático. Máis aínda se para esa función recibe subvencións públicas, provenientes dos impostos de todas e todos. Nun Estado en que se está a castigar a liberdade de expresión resulta absolutamente inadmisíbel que a Fundación Francisco Franco teña plena liberdade para desenvolver a súa actividade de ‘exaltación’ do ditador e mesmo se permita denunciar por ‘delito de odio’ persoas demócratas como o grupo de activistas galegas e galegos que en agosto de 2017 realizaron unha acción simbólica no Pazo de Meirás para reclamar a súa devolución ao patrimonio público. É unha burla a todas as vítimas do franquismo e a todas e todos os demócratas que debe finalizar xa. Por iso reclamamos a inmediata ilegalización da Fundación Francisco Franco.

Por todo isto, vimos de crear unha petición en Change.org dirixida ao presidente do Goberno Central, Pedro Sánchez, así como ao PSOE para que ilegalicen a Fundación Francisco Franco. Bótanos unha man para acadar o obxectivo! #FranquismoNuncaMáis.